29 abr. 2013

Coñeces...AS ORIXES DE OURENSE? E O SEU FUTURO?


Esta actividade realízase ó abeiro da Convocatoria 2013 da Vicerreitoría de Extensión Universitaria de actividades extraacadémicas e de difusión cultural da Universidade de Vigo.



A actividade consiste nun pequeno paseo urbano e interpretativo de 10 km a realizar o día 9 de maio de 2013 dende as 10:30 ata as 14:00 horas. Inclúe un pequeno avituallamento (froita e bebida), unha visita guiada ao complexo termal das Burgas da man dunha especialista na cultura da auga no mundo romano e un exercicio do Birdwatching no río Miño da man dun ambientólogo. Ademais, ao rematar a ruta a organización convidará aos participantes a un baño termal de recuperación no balneario de inspiración xaponesa A Chavasqueira. 

O punto de saída é o Edificio de Ferro – Facultade de Historia na porta que sae á rúa Dr. Temes. (saída ás 10:30)
A actividade rematará no Parque de San Lázaro ás 16:30 h (existirá a posibilidade de rematar ás 14:00 h. para quen non queira quedarse ao baño termal).

Recoméndase vir con roupa e calzado axeitado para camiñar e adaptado a climatoloxía do día. Asemade, para quen quede ao baño termal, é necesario traer: unha mochila con traxe de baño, chancletas, toalla, unha muda e bocadillo. 

Inscrición na caseta do LERD en fronte do Reloxo do Campus. Prazas limitadas: 30 persoas / por rigorosa orde de inscrición. 

PROGRAMA:

Horario total da actividade: 10:30-16:30 

10:30 _ Recepción de participantes na Facultade de Historia de Ourense. Inicio da ruta*.

10:30-11:00 _ km 2 Parada interpretativa**: Castro de Oira. 

11:15-11:30 _ km 3.5 Parada interpretativa**: Ponte Romana de Ourense.

11:45-12:15 _ km 5.5 Parada interpretativa**: Centro de Interpretación Arqueolóxico e Termal de As Burgas 

12:45-13:15 _ km 9 Parada interpretativa**/ Avituallamento. Tinteiro – Birdwatching

13:45 - 14:00 _ km 10 Termas A Chavasqueira*** 

OPCIÓN 1: 14:00 Regreso**** ao centro urbano

OPCIÓN 2: 14:00 – 15:00 Baño termal no balneario de A Chavasqueira (de balde)
15:00 – 16:00 Xantar (traer bocadillo)
16:30 - Regreso**** ao centro urbano 

* A ruta será coordinada por por José A. García Calvo – Willy (responsable das Rutas Culturais da Universidade de Vigo) e Beatriz Comendador Rey (Decana da Facultade de Historia de Ourense)

** As paradas interpretativas correrán a cargo de Raúl Fernández González (Bilurico Medio Ambiente), Martiño Xosé Vázquez Mato (GEAAT-UVIGO) e Silvia González Soutelo (GEAAT-UVIGO)

*** Posibilidade de baño termal ao remate da ruta

**** O regreso ó Campus Universitario realizarase en autobús

+ info: 
- Martiño Xosé Vázquez (GEAAT-UVigo), responsable da actividade: 651017416 martinxvm@uvigo.es 

26 abr. 2013

O peche das xornadas A Historia no Medio en Radio Allariz



Os días 4 e 5 de Abril se celebraron na Facultade de Historia de Ourense, as II Xornadas do Ciclo A Historia no Medio, tituladas A Historia a través das novas tecnoloxías.

Para facer máis "mediático" o evento, decidimos facer o peche destas xornadas nas ondas radiofónicas, xa que fomos convidados do Programa Banda Aparte 2.0 Sección "Historias da Galiza", Radio Allariz (107.2 FM) conducido por Iván Quintana, Xosé Ramón Campos, Abraham Herrero e David Sánchez.






Tamén estiveron nas ondas, dous dos participantes das xornadas, Roberto Conde, para falar do Proxecto Gran Compadre, e Fernando Carrera, director da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.








Aquí deixamosvos o podcast completo por se queredes ecoitalo.


21 abr. 2013

Famulus Dei




O pasado 16 de abril, se presentou na Sala Emilia Pardo Bazán, no Edificio Facultades do Campus de Ourense, a exposición sobre Antonio Palacios, promovida pola asociación Adro Novo en colaboración coa Facultade de Historia, coordinada por Rafael Otero e realizada por Castro e Alonso Arquitectos e por Otero Janeiro Arquitectos
O acto foi presentado por María Lameiras, vicerreitora de Campus. A catedrática emérita Mª Victoria Carballo Calero, pronunciou unha conferencia sobre algunhas das obras máis importantes de Palacios. 
A mostra recolle en varios paneis agúns dos edificios de Palacios. Estará na planta baixa do Edificio de Ferro ata o 26 de abril.

Referencias nos xornais:

16/04/2013 La Voz de Galicia: El campus recuerda la figura y la obra de Antonio Palacios 16/04/2013 DUVI Do logotipo do metro de Madrid ao Templo de Vera Cruz
16/04/2013 Tempo de Lecer Exposición: "Antonio Palacios. Famulus del"

19 abr. 2013

Concurso Fotográfico “Dálle Vida ao teu Patrimonio”

Cartel do concurso realizado por Iria López Baltar, a quen agradecemos a súa colaboración

Dado que o día 18 de abril, foi declarado polo ICOMOS día internacional dos Monumentos e Sitios, a Facultade de Historia de Ourense convoca o I Concurso Fotográfico: Dalle vida ao teu Patrimonio.
Consulta aquí as bases

¿Qué tipo de fotos buscamos?
Como unha sorte de homenaxe ao día internacional dos monumentos e sitios, na súa faceta patrimonial e educativa, convidámosvos a participar neste concurso que ten como obxectivo “revitalizar” o noso patrimonio cultural e arqueolóxico a través da fotografía.
A nosa intención é reunir fotos que amosen os monumentos e sitios con xente recreando diversas actividades relativas á vida deses lugares ao longo da súa historia:
• As fotografías acompañaranse dun pé ou comentario creado polo mesmo autor que se inscriba no concurso.
• Só se permite una obra por participante.

¿Quen pode participar?
• O concurso está aberto a calquera persoa de calquera idade que sinta respecto e atracción pola Historia e os seus bens patrimoniais.
• A participación no concurso implica a aceptación de todas as bases.
Concurso Fotográfico “Dalle Vida ao teu Patrimonio”

Emprego das fotos por parte da Facultade de Historia
• Os participantes responderán persoalmente da lexítima titularidade da obra, así como do seu carácter orixinal e inédito.
• As obras participantes no concurso poderán ser exhibidas pola Facultade de Historia nas exposicións que se organicen nos seguintes anos á resolución do concurso.
• Os concursantes ceden todos os dereitos á Facultade de Historia da Universidade de Vigo.

Especificacións
• O formato fotográfico será non menos de 300 ppm.
• Todas as fotografías deberán ser orixinais e estar libres de dereitos que poidan detentar terceiros.
• Documentación a entregar:
o Un sobre co seudónimo do remitente, no interior incluirá un DVD coa fotografía dixitalizada e unha fotografía impresa (detrás desta deberá figurar tamén o pé de foto e o seudónimo do autor), e un texto breve referente á obtención, contido, explicación científica, técnicas empregadas e manipulación da fotografía.
o Outro sobre pechado co nome, apelidos, dirección, teléfono de contacto e correo electrónico do autor.

• Lugar de presentación:
o Persoalmente na secretaría administrativa da Facultade de Historia – Edificio de Ferro - Campus Universitario - 32004 Ourense.
o Por correo postal á citada dirección.
Concurso Fotográfico “Dalle Vida ao teu Patrimonio”

Prazo
• A data límite para a aceptación das foto-relatos será o día 20 de maio.
Xurado
• O xurado estará formado pola decana, un membro do PDI, un membro do PAS e un estudante.
• A xuízo do xurado, poderá declararse o concurso deserto.
• Os membros do xurado non poderán presentarse ao concurso.
• O fallo será inapelable e publicarase o 27 de maio.

Exposición e divulgación
• Coa selección das obras presentadas realizarase unha ou varias exposicións durante o ano seguinte á resolución do concurso. Esta exposición poderá cancelarse dependendo do número e calidade das obras presentadas.
• As obras presentadas poderanse divulgar a través da web, da páxina de Facebook ou do blog da Facultade de Historia.
Premios
• Primeiro premio: un disco duro externo, de 750 gb con interfaz usb 3.0.
• Tres accésits (por determinar).

Organización
• O incumprimento das obrigas que impoñen as presentes bases poderá ser motivo de revogación dos beneficios desta convocatoria.

Para calquera dúbida podedes contactar coa Secretaría do Decanato da Facultade de Historia no teléfono 988 387 200 (horario de 8:30 a 14:30) ou enviando un e-mail a sdefho@uvigo.es

15 abr. 2013

"La Historia de una Facultad"


Cuando Mario conoció a Clío. Otra perspectiva de la Historia.


Para celebrar o día de San Isidoro a Delegación de Alumnos de Historia e ALEHOU, coa colaboración da Facultade de Historia, organizan a xornada Cuando Mario conoció a Clío. Otra perspectiva de la Historia.

Moi pronto poderedes ver o programa, pero xa se abre o prazo para a inscrición no xogo "SAN FRANCISCO EN LLAMAS" (Modificación no oficial de "Hombres lobo de Castronegro") que tera lugar para finalizar a xornada (entre as 21:30 e as 23:30).

Para mais información e inscricións: sanfranciscoenllamas@gmail.com