16 dic. 2013

Itinerarios Temáticos 1º cuadrimestre



A Facultade de Historia desenvolve un programa de itinerarios temáticos para as saídas de estudos e prácticas de campo do Curso 2013-14. Neste primeiro cuadrimeste fixéronse un total de once itinerarios nos que participaron a totalidade dos estudantes do Grao en Xeografía e Historia. 

Facultade de Historia de Ourense quere agradecer a todas as persoas implicadas na súa organización e coordinación, así como ás diversas institucións, empresas e colectivos pola súa acollida.

E no segundo cuadrimestre máis.

9 dic. 2013

Xornadas Interdisciplinares de Xeografía Ambiental



As Xornadas Interdisciplinares de Xeografía Ambiental, xurden dentro do programa "Aula Aberta" da Facultade de Historia, a iniciativa do profesor Miguel Ángel Álvarez Vázquez, da Area de Xeografía Física. Teñen finalidade principal: completar e/ou complementar a formación no campo da Xeografía dos alumnos e alumnas do Grao en Xeografía e Historia. O programa que xira en torno á Xeografía Ambiental, pero dende diferentes puntos de vista. Aínda que o centro das xornadas son os alumnos e alumnas, estas creáronse con finalidade divulgativa, por ese motivo queremos invitar a sociedade en xeral a asistir, cumprindo con esa función primordial de xeración e, sobre todo, transmisión do coñecemento que debe ter a Universidade.

Cun cartel de luxo falaremos de Xeografía e Ambiente os días 16 e 17 de decembro no salón de graos do Edificio de Facultades, agora Vicente Risco. Expertos en diferentes campos de coñecemento formularán cuestións sobre a interacción natureza-sociedade.

PROGRAMA

Luns 16/DEC/2013
16:00 h.
O delito ambiental: unha perspectiva social.
Isabel Alonso (Universidad de La Laguna).
17:00 h.
Cazadores de metais: buscando contaminación.
Inmaculada de la Calle (Universidade de Vigo).

Martes 17/DEC/2013
16:00 h.
Tribos do leste de África. Formas de "posuír" a Terra.
Marcos Vecín (EVOLUSEUM, Santa Cruz - Bolivia).
17:00 h.
Como mellorar o aproveitamento forestal en Galicia.
Alberte Piñeiro, Gustavo Amann  e Xermán Darriba. Diálogos03 (Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza).


Isabel Alonso é Diplomada en Educación Social, Licenciada en Pedagoxía e Doutora en Psicoloxía pola Universidade de La Laguna. Como educadora social traballa en contacto coa realidade cotiá de adolescentes de estratos sociais pouco favorecidos. A súa Tese Doutoral, que leva por título "O impacto das atribucións e as normas no comportamento anti-ecolóxico ilegal", xira en torno á percepción que a sociedade en xeral ten do delito ambiental e os comportamentos derivados. Egresada da Facultade de Educación volve a Ourense para ofrecernos un punto de vista social nestas xornadas.




 


Inma de la Calle é Licenciada en Química e Doutora pola Universidade de Vigo, especializada en Química Analítica. A súa liña de traballo consiste no desenvolvemento e optimización de procedementos de preparación de mostra e técnicas de preconcentración para a análise de metais a niveis traza en mostras ambientais (chans, auga, material vexetal...). É unha das poucas persoas en España que traballou en profundidade coa Fluorescencia de Raios X por Reflexión Total (TXRF), unha técnica emerxente. O grupo de investigación ao que pertence foi etiquetado pola prensa como "cazadores de metales nocivos" (La Voz de Galicia, 06/11/2011) ou "rastreadores de metales que mejoran la calidad de vida" (Faro de Vigo, 05/02/2012).




Marcos Vecín. Biólogo de formación, rematada a súa carreira foise a vivir entre xentes dos países aos que chamamos "en vías de desenvolvemento". Nunha primeira etapa en Bolivia encargouse, entre outras cousas, do deseño e montaxe do Museo da Evolución de Santa Cruz (EVOLUSEUM), proxecto que a día de hoxe mantén e dirixe. De Bolivia trasladouse a África onde traballa como guía en safaris fotográficos, alí coñeceu de maneira directa a forma de vida de tribos como os Turkana, os Samburu, os Masai ou os Hadzabe. Divulgador nato, é autor do blog "MIGRACIONES. Viajes. Voces. Vidas. " Onde conta as súas experiencias en mundos que ás veces parecen moi afastados. Achega a estas xornadas un punto de vista eminentemente vivencial.




A reunión Diálogos03 celebrada o pasado 27 de abril, xorde por iniciativa da Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza, reunindo a expertos en ordenación territorial, xestión e industria forestal. O resultado foi un amplo informe que reúne dez puntos con propostas viables para mellorar a xestión forestal en Galicia, que achegan a estas xornadas un punto de vista integrado dende diversos ámbitos de coñecemento. Acompañarannos tres ex-bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza: Alberte Piñeiro (Enxeñeiro de Montes; Xefe do Distrito Forestal IV - Barbanza, da Xunta de Galicia), Gustavo Amann (Enxeñeiro Industrial, Banco Popular) e Xermán Darriba (Arqueólogo)".